O vindeiro 27 de novembro de 2026, ás 17:00, recibiremos no Máster Universitario en Enxeñaría Informática (MUEI) a Daniel Pardo Rus, CTO e cofundador de Innogando, para unha charla sobre emprendemento tecnolóxico desde o rural galego.
Daniel compartirá a súa experiencia no desenvolvemento de RUMI, o "reloxo intelixente para vacas", unha solución que combina dispositivos conectados e intelixencia artificial para monitorizar a localización, a saúde e o comportamento do gando, achegando a tecnoloxía ás necesidades do sector gandeiro.
A traxectoria de Innogando acadou recoñecemento en Forbes España, que incluíu ao seu cofundador Pablo López na lista 30 Under 30 de 2026, destacando a contribución da empresa á dixitalización da gandeiría desde o rural galego.
Durante a sesión, Daniel abordará como crear hardware e desenvolver solucións tecnolóxicas desde Galicia, xerar emprego cualificado no medio rural e contribuír á transformación dixital de sectores tradicionais con "sentidiño".
Enmarcada na materia Emprendemento e Autoemprego, a charla será unha oportunidade para coñecer de primeira man os retos de poñer en marcha unha empresa tecnolóxica e converter necesidades da contorna en oportunidades de negocio.
Máis información sobre Innogando · Perfil de Daniel en LinkedIn