O vindeiro 20 de novembro de 2026, ás 17:00, o Máster Universitario en Enxeñaría Informática (MUEI) recibirá a Eduardo Rodríguez, director xeral de Enxenio e fundador de LoPróximo, para unha charla sobre emprendemento tecnolóxico a través destas dúas experiencias empresariais.
Enxenio naceu como spin-off da Universidade da Coruña e conta con máis de vinte anos de traxectoria no desenvolvemento de software e solucións para a transformación dixital. O seu traballo foi recoñecido nos Premios Nacionais de Tecnoloxía Século XXI 2022, na categoría de Business Intelligence.
Pola súa banda, LoPróximo achega a tecnoloxía ao comercio local mediante unha plataforma que permite ás persoas comunicar que precisan e recibir propostas e asesoramento de establecementos próximos. Esta iniciativa obtivo un accésit na categoría de Ideas Tecnolóxicas aplicables ao Comercio dos Premios Nacionais de Comercio Interior 2025.
A sesión ofrecerá ao alumnado unha oportunidade para coñecer de primeira man a experiencia de emprender no sector tecnolóxico e reflexionar sobre como transformar o coñecemento e as necesidades da contorna en proxectos empresariais.